Sunday 19 de May de 2024

O Concello da Pobra aproxímalles Luísa Villalta ás crianzas da infantil en formato de caderno para colorear


Os/as escolares da Pobra do Caramiñal xa recibiron o agasallo polo Maio das Letras Galegas de 2024, consistente en cadanseu caderno con lapis de cores. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, desprazáronse neste 7 de maio ata a E.E.I. Fernández Varela, a do Monte Carmelo e as unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia para faceren a entrega.

Trátase dunha acción co obxectivo de “lles achega-la figura de Luísa Villalta ás crianzas do noso concello, que recoñezan a súa imaxe, a través dun caderniño para debuxar”, indica a edil.

A axenda para conmemora-lo Día das Letras Galegas na Pobra esténdese a todo este mes. Comezou xa no domingo 5 co festival Tradición e Luísa Villalta, da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, para continuar hoxe co repartimento dos ditos obsequios entre a rapazada da educación infantil.

Nesta semana proseguirán as actividades coa apertura da exposición do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo, a través da Deputación da Coruña, no venres 10, ás 12.00 horas, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Esta mostra atópase conformada por máis dunha quincena de pezas de diferentes expresións artísticas como videocreación, instalacións audiovisuais, fotografía, escultura ou gravado.

Pola tarde, ás 20.30 horas, o teatro cine Elma acubillará a proxección íntegra do documental Voces da conserva. Trátase dunha produción audiovisual da Mancomunidade Barbanza Arousa que pon en valor a conserva nos terreos socioeconómico, cultural e turístico, a cal se emitiu na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, a comezos de ano. Seguiralle un coloquio para disertar máis sobre o amosado no vídeo.

Deja un comentario